Thursday 02 de May de 2024

O Concello da Pobra convoca unha asemblea veciñal para informar do proxecto de ampliación de Escurís S.L.


Informar do impacto do proxecto de ampliación das instalacións de Escurís S.L. na contorna da Baiuca, ao abeiro da solicitude de declaración de interese autonómico formulada por Jealsa para a creación de solo que resolva as súas necesidades empresariais: este é o obxectivo da asemblea veciñal que convocan conxuntamente as concellarías do Urbanismo e do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal para martes, 23 de abril, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

O edil titular destas áreas, Xosé Lois Piñeiro, esgrime que se organiza esta xuntanza para que a cidadanía, especialmente a residente na contorna da factoría, coñeza polo miúdo a iniciativa empresarial e a repercusión desta no aspecto urbanístico e medioambiental. A solicitude da compañía xa recibiu os informes favorables pola parte do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) con relación á súa petición e, agora, a institución autonómica abre un prazo de 2 meses para que o Concello se pronuncie ao respecto, de consideralo oportuno.

Durante a reunión veciñal darase tamén conta dos informes técnicos emitidos pola Administración local con relación a isto. Preténdese, polo tanto, recolle-la percepción da sociedade e as propostas sobre o proxecto empresarial para incorporalas ás alegacións que, segundo confirma Piñeiro, presentará o Concello.

Deja un comentario